Máis de 16.000 espectadores en Culturgal
A edición de 2026 potenciará que Culturgal teña máis presenza…
Culturgal presentou hoxe a súa programación completa, na que destacan os concertos e a noite de humor galego. Outro dos grandes atractivos será a conversa que, despois de moitos anos sen facelo, manterán Manuel Rivas e Suso de Toro (sábado 29 ás 19:00 horas).
“Antes de Culturgal, comezaremos cunha nova aposta para que o festival teña máis presenza na cidade de Pontevedra, en concreto en espazos que non teñen acceso habitualmente aos espectáculos culturais”, anunciou esta mañá o seu director, Camilo Franco, nun almorzo informativo.
“Nesta liña, mañá representarase na Residencia de Maiores de Campolongo a obra de teatro ‘O Novo’ en dúas sesións (18:30 e 19:30h), en colaboración co FIOT de Carballo”, engadiu.
Con respecto aos obxectivos de Culturgal (28-30 de novembro), Camilo Franco falou “da diversidade de propostas e xéneros aos que calquera persoa ten acceso en só tres días, con 225 actividades nas que se pode escoller e tamén probar novas opcións, sempre coa finalidade de pasar un bo rato”.
“Queremos chegar a novos públicos, que o Culturgal sexa un festival no que a literatura segue a ser moi importante, pero no que gañan protagonismo outras disciplinas artísticas”, explicou.
O programa musical comeza cun concerto de benvida o xoves 27 ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle presentando con varias artistas convidadas o seu último traballo, ‘Será por Flores’. Entrada gratuíta ata completar aforo nun espectáculo organizado polo Concello de Pontevedra.
O venres 28, tamén ás 21:00 horas, as voces femininas da canción galega encherán de novo o escenario do auditorio coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. “Unha oportunidade única de escoitalas na mesma noite e no mesmo escenario”, afirmou Camilo Franco (entradas á venda por 10 euros).
O domingo 30 de novembro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá ás 20:30 horas o concerto de peche do Culturgal con Óscar Ibañez (entradas a 16 euros), tamén con artistas convidados e moitas sorpresas.
Outro dos pratos fortes será a noite de humor galego do sábado 29 (no auditorio ás 21:00 horas), co espectáculo ‘Moito conto’, creado por Touriñán en exclusiva para Culturgal. Estará acompañado, entre outros, por David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez (entradas a 23 euros).
‘Bibopalula. O espectáculo’ será a última das citas de pago deste Culturgal (12 euros). Para toda a familia o domingo 30 pola mañá.
No almorzo de hoxe para presentar a programación, Camilo Franco destacou tamén o espazo para as artes escénicas (o ‘Teatriño’), os recitais poéticos, a programación infantil e o ‘Vén e Baila’ do domingo.
Entradas
Xa están á venda en www.cultur.gal as entradas para os espectáculos de pago e para entrar en Culturgal, con bonos para os tres días por cinco euros en compra anticipada (9 euros en billeteira). As entradas diarias a 3 euros (5 en billeteira).
Programación completa en Programa – Culturgal
A edición de 2026 potenciará que Culturgal teña máis presenza…
E hoxe sábado... Chévere, Magín Blanco, Touriñán, Suso de Toro...
Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra
Desenvolvido pola boutique de comunicación, márketing e visitas virtuais e experiencias Orestes Comunica.