Ultranoite Cultureta do grupo Chévere

Á venda xa con descontos as entradas e abonos do Culturgal 2024 en cultur.gal

O Culturgal 2024 será o escenario dun espectáculo moi especial, unha Ultranoite que o grupo Chévere preparou únicamente para a Feira das Culturas Galegas.

Coa ‘Ultranoite Cultureta’, a compañía desembarca no Culturgal para se achegar ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns.

Esta Ultranoite única feita para o Culturgal será o sábado 30 de novembro ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nunha das primeiras edicións do Culturgal, en 2008, o grupo Chévere celebrou “o rito escénico de casamento da cultura e a industria, unha unión que se intuía fráxil e sometida a constantes disputas e desencontros”.

“Agora, dezaseis anos despois, volvemos ao Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis ca un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposible?”, pregúntase a compañía.

O espectáculo intenta atopar respostas a outras preguntas: Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Quen é quen na santa compaña da cultura galega? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto a tipoloxía das Casas da Cultura? Hai vida máis alá da subvención?

Entradas e abonos

As entradas e abonos do Culturgal 2024, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra, xa están dispoñibles na web cultur.gal.

A compra anticipada supón descontos, con prezos de 3 euros a entrada dun día, 5 euros o bono dos tres días, e prezos especiais para familias e público infantil.

A entrada anticipada para o espectáculo de Chévere é de 22 euros e inclúe o acceso dun día ao Culturgal. Están tamén á venda as entradas para ‘A nena e o grilo nun barquiño’, de Magín Blanco.

O venres 29 de novembro, ás 21:00 horas no auditorio, haberá un concerto da Banda Xangai e a estrea do documental Bravú XXX, gratis coa entrada a Culturgal.

Outras novas...

Culturgal reúne a 12.700 persoas
01Dec

Culturgal reúne a 12.700 persoas

Reposta "moi positiva" de participación na feira

Cheo para lembrar das culturas galegas
01Dec

Cheo para lembrar das culturas galegas

Máis de 700 persoas asistiron á Ultranoite Cultureta de Chévere

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura
30Nov

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura

Pola tarde, Su Garrido Pombo, PAVA, Caamaño&Ameixeiras e Chévere