Cheo para lembrar das culturas galegas

Máis de 700 persoas asistiron á Ultranoite Cultureta de Chévere

Cheo total para ver á compañía Chévere na estrea mundial da súa Ultranoite Cultureta protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Diego Anido, Mónica García, Xesús Ron, Borja Fernández e Arantza Villar.

O escenario C do Culturgal tamén mantivo unha actividade frenética na tarde do sábado que empezou coa actuación da poeta Olga Novo e a cantautora Su Garrido Pombo que deron un emocionante recital sobre memorias persoais e históricas, fusionando música e poesía a flor de pel.

A festa do décimo aniversario do dominio puntogal acolleu o combate de debuxantes All Stars: unha divertida competición de debuxo improvisado organizada por Autobán onde os participantes se retaban en quendas de 90 segundos logo de propostas escollidas ó chou polo público. O gañador foi Antón Yáñez Souto, en representación da Coruña.

A banda PAVA, liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, interpretou temas do seu álbum “Pava 3” animando ó público a “dalo todo” entre abrazos e obradoiros de palmas. Xusto despois, Caamaño&Ameixeiras interpretaron temas de “Quitar o Aire” o seu disco inspirado na mitoloxía popular galega con grande éxito de asistencia.

Por outra parte, a Fundación Uxío Novoneyra presentou a edición de Os Eidos 25 aniversario nunha conversa entre Brais García, Uxío Novoneyra Rey e Nieves Neira a prologuista desta edición que amosou ó público unha maleta chea de recordos familiares do escritor.

A escrita seguiu moi presente en Culturgal coas gañadoras dos Premios Xerais 2024 protagonizando unha conversa moderada por Teresa Cuíñas. Mentres, a Editorial Galaxia organizou unha mesa narrativa. Os clubs de lectura de Galicia traballaron arreo durante toda a xornada para escoller os títulos que se lerán durante o ano 2025, e tamén organizaron un encontro coa escritora Antía Yáñez.

A asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) amosou un adianto dalgunhas das estreas da temporada que vén. Cinema e teatro estiveron tamén presentes nas proxeccións do documental “Aurora” de Area Erina e “As Neves” de Sonia Méndez, mentres a compañía Ibuprofeno Teatro deu un adianto do seu espectáculo Reconversión coa presenza de Santiago Cortegoso e parte do elenco.

As actividades infantís estiveron repletas de crianzas toda a tarde con obradoiros de maxia, tatuaxe ou xoiaría, ademais dos espectáculos A Raposa Muiñeira, Viaxa con Nós ata a última fronteira e A Fraga das Avoas Invisíbeis.

O coreógrafo Artur Puga ensaiou durante toda a xornada pasos de baile con nenos e grandes a modo de preparación para a gran verbena popular de mañá que contará con gaiteiros e pandeireteiras ás 13 horas na nave central do recinto do Culturgal.

Outras novas...

Culturgal reúne a 12.700 persoas
01Dec

Culturgal reúne a 12.700 persoas

Reposta "moi positiva" de participación na feira

Cheo para lembrar das culturas galegas
01Dec

Cheo para lembrar das culturas galegas

Máis de 700 persoas asistiron á Ultranoite Cultureta de Chévere

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura
30Nov

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura

Pola tarde, Su Garrido Pombo, PAVA, Caamaño&Ameixeiras e Chévere