Culturgal reúne a 12.700 persoas

Reposta "moi positiva" de participación na feira

O director de Culturgal, Camilo Franco, califica de “moi positiva” a resposta do público á XVII edición da Feira das Culturas Galegas, que reuniu a 12.700 persoas e desta volta pretendeu “poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ó tempo que se atraía a novos públicos”. Por iso, a literatura compartiu protagonismo coa cultura dixital, a arte, a música, a ilustración, o teatro ou o cine.

O público familiar tivo unha gran relevancia nesta terceira xornada de Culturgal. Undodez e Televisión de Galicia presentaron Bibopalula, a primeira serie de animación musical en galego deseñada para espectadores de 3 a 6 anos e creada por Laura e Andrés Mahía, co obxectivo de fomentar o amor pola natureza, a música pop-rock e a lingua.

O actor Xosé Antonio Touriñán, que pon voz a personaxes, estivo na presentación animando ós máis pequenos. A segunda convocatoria de A Nena e o Grilo Camiño das Cores arrasou entre o público asistente ó Auditorio, con máis de 400 localidades ocupadas.

Outros dos espectáculos do escenario infantil como Quero Cantar e O rap sen Apps atrouxeron ás crianzas, que continuaron achegándose á First Lego League, ós obradoiros de maxia, restauración ou fotografía, e ás demostracións de videoxogos.

Manuel Rivas, recén nomeado premio Nacional das Letras, foi entrevistado pola xornalista Susana Pedreira para presentar a súa última novela “Tras do Ceo”, coa que inicia un novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home e a depredación social e natural. Rivas destacou que a novela fala de moitas exticións, tamén “da extinción do humor”.

O poemario “A balada do exilio” de Xulio Cid Neira, o recital de Antón Reixa e Rompente, a mesa cos gañadores dos certames do 2023 da Deputación da Coruña e a presentación “A gran final. Contos e Contas do fútbol galego” foron outras das apostas literarias.

O espazo Arte acolleu performances e presentacións, e o Festival Internacional de Cine de Bueu (FICBUEU) trouxo a Culturgal un adianto da súa programación de 2025.

Despois de dous días de ensaios, o coreógrafo e percusionista vigués Artur Puga reuniu a ducias de persoas nunha convocatoria aberta de baile popular con gaiteiros e pandeireiteiras que fixeron vibrar a nave central do recinto feiral de Pontevedra.

A xornada rematou cunha gran pandereitada de Pandereteiras Bouba, promovida pola Real Academia Galega en homenaxe á designación das pandereiteiras para as Letras Galegas 2025, logo dunha conversa entre a Asociación Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón e Ana Romaní, entre outras.

 

Outras novas...

Culturgal reúne a 12.700 persoas
01Dec

Culturgal reúne a 12.700 persoas

Reposta "moi positiva" de participación na feira

Cheo para lembrar das culturas galegas
01Dec

Cheo para lembrar das culturas galegas

Máis de 700 persoas asistiron á Ultranoite Cultureta de Chévere

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura
30Nov

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura

Pola tarde, Su Garrido Pombo, PAVA, Caamaño&Ameixeiras e Chévere