Máis de 16.000 espectadores en Culturgal
A edición de 2026 potenciará que Culturgal teña máis presenza…
Culturgal pecha a súa edición 2025 cun balance de asistencia moi satisfactorio, xa que 16.100 espectadores pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra (a cifra pode aumentar algo xa que o festival pecha ás 20:00 horas).
O director de Culturgal, Camilo Franco, considera que “as cifras de asistencia avalan a forte aposta pola programación deste ano, máis ampla e de maior calidade en todas as disciplinas da cultura”, con outras novidades como o concerto de benvida do xoves (Uxía) e o de peche desta noite no Teatro Principal (Óscar Ibáñez).
Houbo momentos de gran afluencia, como o sábado pola tarde, cando todos os escenarios e espazos do Pazo da Cultura de Pontevedra estaban cheos para asistir aos adiantos teatrais, concertos, a Festa dos Clubs de Lectura, a loita de debuxantes, ou o último do circo galego.
“Ano a ano damos pasos para atraer novos públicos, cunha oferta diversificada e iniciativas como o Teatriño e os espazos para a banda deseñada, o cine e a arte contemporánea, o circo ou o videoxogo galego”, engade o director de Culturgal.
O Culturgal 2025 serviu tamén para comezar outra aposta que a organización do Festival das Culturas Galegas potenciará no 2026. “Queremos levar o Culturgal por outros espazos da cidade durante o mes de novembro, sobre todo aos espazos que non teñen acceso habitualmente aos espectáculos culturais”, explica Camilo Franco.
Na xornada do domingo, consolidouse o Ven e Baila, unha iniciativa para disfrutar e reivindicar o baile a a danza posta en marcha o ano pasado. Centos de persoas asistiron ao espectáculo de Fran Sieira (Un baile ceibe) e bailaron da man de Artur Puga.
Máis de 500 persoas asistiron ao espectáculo ‘Moito Conto’ do sábado pola noite e onte foi protagonista ‘Bibopalula. O espectáculo’, a programación infantil e a homenaxe a Begoña Caamaño nas voces de Ana Romaní, A Pedreira e Mónica Caamaño, que serve como punto de partida das celebracións vinculadas ao Día das Letras Galegas 2026.
O Festival das Culturas Galegas pensa xa nunha próxima edición “para afondar neste obxectivo de poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ó tempo que conseguimos que a veciñanza de Pontevedra cruce o río estes días para vir a Culturgal”, remata Camilo Franco.
A literatura compartirá de novo protagonismo coa cultura dixital, a arte, a música, a ilustración, o teatro, o humr, o baile ou o cine, sen pechar a porta a novas disciplinas artísticas.
A edición de 2026 potenciará que Culturgal teña máis presenza…
E hoxe sábado... Chévere, Magín Blanco, Touriñán, Suso de Toro...
Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra
Desenvolvido pola boutique de comunicación, márketing e visitas virtuais e experiencias Orestes Comunica.