Un espello da pluralidade da cultura galega

O Culturgal presenta o seu programa completo co obxectivo de "seducir a novos públicos"

O Culturgal 2024, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, xa ten o seu programa completo, un espello heteroxéneo da pluralidade da cultura galega con arredor de 200 actividades para todas as idades.

Temos que seducir a novos públicos, que a xente veña divertirse e a participar, que teña varias opcións chegue á hora que chegue ao Culturgal”, asegura o seu director, Camilo Franco, que presentou esta mañá o programa completo (xa dispoñible en https://cultur.gal/programa/).

A ‘Ultranoite Cultureta’ de Chévere será un campanazo, o sector ten que rirse de si mesmo, e Magín Blanco comezará en Pontevedra a xira de despedida do musical ‘A Nena e o Grilo’”, explicou Camilo Franco, que destacou tamén “a noite bravú do venres, coa proxección do documental polo seu 30 aniversario e o concerto da Banda Xangai e as pontevedresas Rager”.

O domingo chegará a quenda de ‘Vén e baila’, unha convocatoria aberta de baile popular guiada por Artur Puga con gaiteiros e pandereteiras, e pola tarde ‘Somos pandereteiras’. Despois da designación da Real Academia Galega das pandereteiras como colectivo homenaxeado no Día das Letras Galegas, Culturgal contará con Bouba pandereteiras, Ana Romaní, María Reimóndez, Susana S. Arins, Andrea Nunes Brións e Mercedes Peón.

Medra a programación infantil e familiar, e as artes escénicas terán por primeira vez un espazo pechado, “no que por exemplo Ibuprofeno fará un adianto da súa próxima obra, sobre a reconversión industrial en Vigo”; haberá 17 actividades de danza e a artes performativas; 10 concertos; 20 actividades de presentación de libros e recitais de poesía; a proxección de 10 películas, e seis actividades relacionadas co videoxogo producido en Galicia.

O Culturgal acollerá por outra parte a festa dos clubes de lectura de Galicia e un espazo de arte ampliado. O circo será tamén protagonista, así como a rede coa celebración do décimo aniversario de punto.gal.

Como novidade técnica, algunhas das actividades do Culturgal poderán seguirse con cascos, “dándolle máis intimidade aos que están escoitando, como si estivesen nunha sala pechada e sen necesidade de estar escoitando cerca do escenario”. “É unha proba, queremos experimentar cos cascos para alonxar o ruído externo e ver se poden ser útiles”, remata Camilo Franco.

Outras novas...

Culturgal reúne a 12.700 persoas
01Dec

Culturgal reúne a 12.700 persoas

Reposta "moi positiva" de participación na feira

Cheo para lembrar das culturas galegas
01Dec

Cheo para lembrar das culturas galegas

Máis de 700 persoas asistiron á Ultranoite Cultureta de Chévere

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura
30Nov

Arte, videoxogos, podcasts e clubs de lectura

Pola tarde, Su Garrido Pombo, PAVA, Caamaño&Ameixeiras e Chévere