O Culturgal Expandido celebrado esta fin de semana no Mercado Municipal de Muros deixa un balance moi satisfactorio, cun programa para todas as idades que serviu para poñer en contacto a cultura local coa do resto de Galicia.
O director do Culturgal, Camilo Franco, califica de “moi positiva a resposta a esta festa da cultura”, xa que o conxunto das actividades reuniu a máis de 1.000 espectadores en Muros, “o que demostra a forza dos creadores e artistas locais e o interese dos diferentes públicos de Muros por todas as disciplinas da cultura galega”.
“Esta boa acollida pode ser o punto de partida dunha colaboración máis estable do Culturgal con Muros, que conta cunha gran enerxía cultural”, engade Camilo Franco.
Esta mañá, grazas ao bo tempo, o ‘Ven e Baila’ saiu á rúa e celebrouse na praza de Galicia, onde ducias de persoas animáronse a bailar con Artur Puga e Os Enxebres.
Onte pola noite, a actuación de Lisdexia foi outro dos pratos fortes do Culturgal Expandido de Muros, polo que tamén pasaron na xornada do sábado Lois Pérez e Secho, e os escritores Diego Ameixeiras, Marga Tojo e Carlos Lixó.
O venres, os protagonistas do Culturgal Expandido de Muros foron Candido Pazó, Avelino González, Samuel L. París, Silvia Pena e Jesús Andrés (Cinta Adhesiva).