A edición XIX de Culturgal abriu as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra, dando comezo a tres días e máis de 200 actividades para mostrar a forza creativa de Galicia.
Na inauguración de hoxe, o conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, destacou a capacidade de Culturgal para ser “o punto de encontro da cultura galega, un espazo colaborativo de diálogo que serve para unirnos nun obxectivo común, coidar e potenciar a cultura galega”.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, incidiu nesta idea ao asegurar que “queremos que Culturgal e a cultura galega teñan en Pontevedra un porto seguro, un lugar aberto para todos”, engandindo que “a cultura é o alicerce fundamental para unha sociedade libre”.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, puxo en valor “a necesidade de investir en cultura e de incrementar o tecido empresarial vinculado á cultura”, mentres que Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, destacou que “esta fin de semana coinciden a festa da cultura e a festa da democracia”, ao tempo que lembrou que “máis de 55 dos grupos ou artistas que estarán en Culturgal recibiron premios nas súas disciplinas nos últimos meses”.
Danza e música
Unha das grandes citas da xornada de hoxe é ‘A espera do baleiro’, unha peza de danza contemporánea, coprodución da compañía galega iXa, a Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego, dependente de Agadic.
Esta función vai ser, ademais dunha estrea en Galicia, unha homenaxe ao coreógrafo desta peza, Xián Martínez, falecido moi recentemente aos 30 anos de idade (21:00 horas, entrada libre previa retirada de invitación en Ataquilla).
Mañá sábado será o concerto dos premios Martín Códax da Música Galega ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra (entradas a 13 euros en Ataquilla.com). Contará con catro grupos dos premiados este ano: Allo Negro, Michu da Rocha, Lidia India e Abril. O mestre de cerimonias será o actor e músico Serxio Zearreta (Lamatumbá).
As entradas e os bonos para Culturgal están á venta en Ataquilla.com. Pola coincidencia coa fin de semana electoral, este ano cambia o acceso a Culturgal, que é a través dun vestíbulo cuberto instalado no exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra (na zona do aparcadoiro).


