A edición 2026 do Culturgal Expandido chega esta fin de semana ao Mercado Municipal de Muros cunha programación gratuíta e para todas as idades.
Na presentación do programa participaron esta mañá Natividad Gonzalez, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; María Lago, alcaldesa de Muros; Caridad González, concelleira de Cultura, e Camilo Franco, director do Culturgal.
“O Culturgal Expandido é un compromiso e unha aposta que iniciamos desde a Deputación da Coruña hai tres anos para levar unha programación cultural ás vilas medianas, polo que é unha satisfacción que este ano sexa en Muros”, asegurou Natividad González.
A alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que “co Culturgal Expandido seremos unha vez máis o epicentro cultural da comarca esta semana”, poñendo en valor “a moi boa resposta da veciñanza á programación que temos durante todo o ano”. Lago agradeceu á área de Cultura da Deputación “que elixira Muros para esta edición”.
Caridad González engadiu que “a Deputación sabe e coñece que en Muros temos un tecido cultural forte e desde o concello preocúpanos a cultura”, amosando a súa seguridade de que “a edición do Culturgal Expandido de Muros será un éxito”.
Por último, o director do Culturgal, Camilo Franco, explicou que “a descentralización do Culturgal da resposta á enerxía cultural de concellos como Muros”, convidando a toda a veciñanza de Muros “a pasalo ben coa cultura coa programación que temos preparada”.
Programación
O programa inclúe actividades para todas as idades e a presenza de artistas e creadores locais, como o grupo Lisdexia e o escritor Samuel L. París, ademais de concertos, conversas literarias, programación infantil e baile tradicional.
O Culturgal Expandido comeza o venres 16 co autor, director teatral e narrador Candido Pazó (19:00 horas), para dar paso ao recital ‘Todos poetas menos o capitán’, de Samuel L. París, e ao concerto poético ‘Cinta adhesiva’ de Silvia Pena e Jesús Andrade.
O sábado pola mañá, programación infantil desde as 12:00 horas con ‘O Lobo Feliz’, de Miguel Guido, e ‘Menú de Contos’, de Charo Pita.
Pola tarde, conversa literaria con Marga Tojo, Diego Ameixeiras e Carlos Lixó, concerto de Lisdexia (20:00 horas) e o espectáculo ‘Da vara e mais da besta’, con Lois Pérez e Secho.
O domingo chega a quenda do baile tradicional, cun obradoiro para todos os públicos co bailarín e coreógrafo Artur Puga, antes do fin de festa do ‘Ven e Baila’, cun chamamento a toda a veciñanza de Muros para bailar con Puga e Os Enxebres.