Novas

“15 anos cos fíos da Cultura”: Culturgal presenta unha edición especial

28 Setembro 2022

Unha programación máis abarcable, máis cómoda e eficiente para público e artistas, e un espazo feiral con dúas zonas de stands: aqueles stands que teñen venda directa e aquelas entidades que veñen á Feira na procura de presentar proxectos, facer redes profesionais ou visibilizar a súa marca. Estas son algunhas das novedades que Eva Alonso, directora da Culturgal, remarcou na presentación da 15ª edición da Feira, esta mañá do mércores 28 en Pontevedra, baixo o lema “15 anos cos fíos da Cultura”. Tras dúas semanas de reserva de stands, os dedicados á venda de produto xa están reservados ao 100% e, en total, o 85% do espazo Culturgal está vendido. Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra e Victoria Alonso, responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, arrouparon a Alonso e a Víctor López, presidente da Culturgal. En 2022 a área de Cultura da Deputación da Coruña colabora tamén coa realización da Feira, que se desenvolve do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.


A nova directora da Culturgal fixo algo de historia lembrando que Culturgal nace en 2007 da man do sector editorial,  pero aberta xa desde as súas orixes a toda a actividade cultural. “Así foi Culturgal ampliando intereses e sectores. Aqui en Pontevedra, nas mesmas datas practicamente cada ano no calendario, finais de novembro, vésperas do Nadal, Culturgal estabilizouse como proxecto estratéxico da man das asociacións empresariais. Hoxe en día pode gabarse de ser un proxecto colaborativo e comunitario lonxevo, de referencia e exemplo da alianza privada-institucional, coa implicación e complicidade das administracións hoxe aqui representadas”, apuntou Eva Alonso, que tamén se referiu ao lema “15 anos cos fíos da Cultura” e á imaxe gráfica 2022 ideada por Isa Vila. “Reforza ese carácter cohesionador deste proxecto”, sinalou.


Alonso explicou que os stands da Feira nesta edición distribúense en dous grupos, aqueles que fan venda directa de produto e aquelas entidades que acoden ao evento para visibilizar marca, proxectos ou para establecer contactos profesionais. Os primeiros xa están esgotados e, en conxunto, o 85% das casetas xa teñen quen as ocupe. Respecto da programación, a directora da Culturgal, incidiu no reforzo da parte profesional da Feira. “Na miña análise da Feira como directora, considerei que neste piar da Culturgal podemos afondar máis e poñernos ao servizo do sector e dos seus profesionais ofrecéndolles un evento interesante e eficiente para eles. Algo máis urxente ou necesario se cabe, tras o tempo de pandemia: o contacto profesional, a necesidade de dotarnos de máis ferramentas, recursos, espazos colaborativos de encontro e de traballo”, afirmou. Culturgal 2022 contará fisicamente cun espazo profesional, instalado no recinto feiral de Pontevedra, e o xoves 24 de novembro a Feirá abrirá exclusivamente para profesionais e empresas.


En relación á programación xeral para público, que se irá anunciando nas próximas semanas, Eva Alonso contou que “o obxectivo do programa en 2022 é obter un maior equilibrio entre diferentes sectores e disciplinas. É dicir, un programa que conte con teatro adulto e familiar, que teña música ao vivo e unha xenerosa mostra do cinema e do traballo audiovisual que se fai en Galicia, que programe artes vivas e iniciativas vinculadas coa creación artística contemporánea, e que, por suposto, siga sendo a cita de referencia do libro galego”. A programación está aberta a propostas para os espazos Libro, Infantil e Arte, nunha convocatoria que pecha o 16 de outubro e que se pode consultar en cultur.gal.


Así mesmo o 15 aniversario da Culturgal tamén terá un oco propio dentro da programación. Está prevista unha exposición con materiais gráficos e audiovisuais que percorran a andaina do proxecto desde os seus inicios así como un acto conmemorativo que terá lugar o domingo 27 de novembro. A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).


Azos e apoio dos patrocinios institucionais

A deputada provincial de Cultura Victoria Alonso animou á cidadanía a festexar Culturgal. “Que gran opción é recrearnos durante tres días nesta eclosión cultural que vivimos”, afirmou. Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, incidiu no carácter da Feira como espazo profesional. “Nese aspecto o aliñamento co traballo da Xunta de Galicia é total, afondar na Culturgal como espazo profesional conta con todo o noso apoio. Pensamos que estamos nun momento de oportunidade, non só por deixar atrás as restricións da pandemia, senón porque contamos con fondos europeos que van repercutir no sector”, sinalou.  Pechou as intervencións institucionais a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, que apuntou que un proxecto como Culturgal merece un esforzo de recursos por parte das administracións. “Vivimos un momento cultural extraordinario, poderiamos montar as programacións só coas propostas que están xordindo en Galicia. O catálogo actual é espectacular”, comentou.

“15 anos cos fíos da Cultura”: Culturgal presenta unha edición especial

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.