O recinto

A cidade de Pontevedra é desde 2010 sede do Culturgal, que atopou neste concello unha magnífica resposta institucional así como unha adhesión entusiasta das veciñas e veciños da cidade. O Pazo da Cultura de Pontevedra atópase na rúa de Alexandre Bóveda, a escasos dez minutos do centro urbano e perfectamente comunicado coas principais vías de entrada. Ten un amplo aparcadoiro con capacidade para 1.300 automóbiles.

O recinto feiral no que se monta Culturgal ten unha superficie de 4.875 metros cadrados e dispón de dúas entradas, catro saídas de emerxencia e dúas portas de acceso rodado cun tamaño suficiente para o tránsito de grandes camións. Así mesmo o Auditorio do Pazo, con capacidade para 752 persoas, é un espazo idóneo para a programación de concertos dentro das actividades da Feira. Desde 2017 a Feira sumou mil metros cadrados máis coa incorporación da sala de exposicións do Pazo da Cultura como Espazo de Arte Contemporánea. O Pazo tamén pon a disposición do Culturgal outros espazos como o salón de actos e os seminarios para reunións ou actividades profesionais 

 

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.