Novas

15ª Culturgal: unha mochila de novidades para emprender curso en setembro

5 Setembro 2022

Culturgal comeza curso en setembro coa mochila cargada de novidades para a 15ª edición. O deseño espacial da Feira, as entrevistas e encontros con patrocinadores, a elaboración da imaxe gráfica e a estrutura dunha programación especial para conmemorar o 15 aniversario. O equipo da Culturgal, dirixido por Eva Alonso, estivo a traballar durante o verán nas diferentes liñas da próxima edición, do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A mediados deste mes abrirase a convocatoria de reserva de stands para empresas e axentes culturais, que poderán escoller sobre plano o seu espazo na Feira. Haberá novedades no deseño espacial no recinto, aínda que o que si permanecerán son os descontos para os stands “madrugadores”, para as empresas que forman parte dalgunha das asociacións Culturgal ou para as entidades “fieis”, é dicir, aquelas que acoden á Feira con asiduidade.  A organización da Feira apunta a mediados de setembro como a data de apertura das convocatorias, que fará coincidir coa presentación da imaxe gráfica deste 2022.


Así mesmo o quince aniversario da Feira prepara unha programación especial que sirva para festexar con profesionais e público este aniversario. Parte da programación da 15ª Culturgal está a ser xa ultimada entre as asociacións sectoriais que forman parte do evento e a dirección do mesmo, cunha proposta global que prima a calidade e as novidades en música e artes escénicas, audiovisual, arte contemporánea ou ámbito editorial. Porén, tamén haberá unha convocatoria aberta para que empresas e axentes podan propoñer actividades e presentacións para a programación da Culturgal, nomeadamente para os escenarios do libro e do programa infantil e familiar, situados no recinto feiral de Pontevedra. 


O evento sumará unha xornada máis respecto da súa duración habitual xa que formula o xoves 24 como un día dirixido exclusivamente a profesionais, empresas e asociacións sectoriais.  Un dos obxectivos desta edición é atraer a un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre sectores para o nacemento de novos proxectos. A organización da Feira adianta xa que a programación deste ano incluirá algunha actividade conmemorativa do quince aniversario.
Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

15ª Culturgal: unha mochila de novidades para emprender curso en setembro

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.