Novas

A organización da Culturgal convoca a praza de dirección artística da Feira

11 Abril 2022

Profesional da xestión cultural, con experiencia en coordinación e dirección artística de proxectos, de equipos humanos, con capacidade de interlocución co tecido artístico e cidadanía, e de cooperación con outras institucións públicas e privadas. Estes son algúns dos requisitos do perfil na convocatoria de dirección artística para Culturgal, a feira da cultura que chega á súa 15ª edición en 2022. A directiva da Feira convida a todas as persoas interesadas a participar nun proceso que se pon en marcha o 11 de abril e rematará o 9 de maio.  Culturgal celebrarase en 2022, do 25 ao 27 de novembro en Pontevedra.


AS BASES PODEN DESCARGARSE AQUÍ


A directiva da Feira procura, con este proceso de selección de dirección artística, afondar na viabilidade e mellora dun evento de referencia “que debe estar en renovación constante”. O perfil procurado debe atender ao dobre carácter da Culturgal: por unha banda, como plataforma para o sector e profesionais e, por outra, como festa e encontro para públicos diversos. As bases da convocatoria, que se poden consultar desde o luns 11 de abril en cultur.gal, establecen as funcións da nova dirección que terá que presentar un proxecto de xestión cultural que renove o modelo feiral neste ano 2022, ampliando o perfil das persoas asistentes, incidindo nas sinerxías intersectoriais, visibilizando as diferentes asociacións profesionais representadas na Feira e acadando o máximo nivel de excelencia na programación.  


Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte e Deputación de Pontevedra.

Todas as persoas interesadas na convocatoria deberán acreditar a súa solvencia profesional; valórase a titulación superior universitaria pero non é criterio excluínte se se acredita a experiencia profesional. A nova directora ou director de Culturgal terá que, entre outras labores, definir o programa da Feira en coordinación coa Xunta Directiva, supervisar a produción, montaxe e equipos técnicos, xestionar os plans de axudas e patrocinios asi como procurar novas vías de financiamento e coordinar a estratexia de comunicación. As bases completas poden consultarse na web do evento e o correo habilitado para enviar as candidaturas é propostas@culturgal.com. A Xunta Directiva da Culturgal quere anunciar o nomeamento o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Agradecemento a Xosé Aldea

Xosé Aldea, coordinador xeral da Feira desde 2013, despedíase a pasada semana das asociacións sectoriais representadas na directiva, de patrocinadores e de equipo da Feira agradecido por dez anos de traballo en rede e con novos proxectos no horizonte. A directiva da Culturgal quere manifestar un agradecemento inmenso polo seu labor na estabilización dun proxecto que é referencia no país e que en 2021 recibia a distinción do Ministerio de Cultura e Deporte como un dos tres mellores proxectos de promoción cultural do Estado.

A organización da Culturgal convoca a praza de dirección artística da Feira

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.