Novas

A Xornada de Promoción Musical e Escénica de AGEM, Escena Galega e AGADIC abre a Culturgal 2022

24 Novembro 2022

Comezou a 15ª Culturgal o xoves 24 no Pazo da Culturgal cunha xornada exclusivamente dirixida a profesionais da música e das artes escénicas. Ao redor de setenta persoas inscritas participaron na Xornada de Promoción Escénica e Musical organizada por Escena Galega e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) con Agadic-Xunta de Galicia. A apertura da xornada correu a cargo de Jacobo Sutil, director da Agadic, Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, e Eva Alonso, directora da Culturgal. Esta actividade tiña como obxectivo crear un espazo profesionalizado de relación entre compañías, bandas de música , promotoras e distribuidoras e profesionais da programación escénica e musical, de espazos públicos e privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda de espectáculos e actuacións musicais, por unha banda, e de contratación dos mesmos, pola outra. 


Coloquios participativos, presentacións profesionais, xuntas e roldas de negocios sucedéronse ao longo da xornada do xoves 24 no Pazo da Cultura de Pontevedra. O preludio dunha edición da Feira, que arranca para o público xeral o venres 25, pero que seguirá ofrecendo a profesionais e empresas un amplo programa de actividades ata o domingo 27 de novembro con máis de trinta propostas e un espazo físico dentro do recinto feira.

A Xornada de Promoción Musical e Escénica de AGEM, Escena Galega e AGADIC abre a Culturgal 2022

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.