Novas

Culturgal 2018 é un cine

28 Novembro 2018

Curtas para público infantil e familiar, dúas das longas con máis percorrido do cinema galego dos últimos tempos, videopoesía, e dous documentais: un ao redor do wolframio e outro ao redor das mulleres do textil. O cine de Culturgal 2018 ten oferta para todos os gustos. Pasen e vexan! Todo no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, sen custo adicional sobre a entrada xeral da Feira. Programación coordinada por AGAPI.

Sábado 1 decembro
12:00. Pequefilmes: proxección das curtas gañadoras do Festival Infantil de Curtas: Awakers (a partir de 4 anos) e Les Pionniers de l’Univers (a partir de 8 anos). Agadic-Xunta de Galicia. As persoas asistentes a Pequefilmes, certame que organiza a Cidade da Cultura de Galicia, poden puntuar á saída das diferentes sesións a súa curtametraxe favorita. Entre todos os votos emitidos, decídense as dúas curtas gañadoras segundo as dúas categorías de idade. En Culturgal queremos amosar os dous traballos seleccionados polo público na última edición: a checa Awakers e a francesa Les Pionniers de l’Univers.

16:30. Proxección de “A batalla descoñecida”. Asiste Juan De Dios, produtor. Dirixida por Paula Cons, “A batalla descoñecida” narra a batalla do wolfram, que libraron os aliados contra España no marco da Segunda Guerra Mundial. Un material estratéxico, o wólfram, que el réxime franquista permitiu que fora utilizado poos nazis para armamento. Duración filme: 70 minutos

18:00. Proxección do documental “Tecido resistente”, coa directora Marina Chiavegatto. Deputación da Coruña. A historia de centos de mulleres que cambiaron por completo a economía e a organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galicia. Tiñan 14 anos cando comezaron a traballar na fábrica de tecidos de Présaras (Vilasantar). Cobraban 37 pesetas á semana. Con eses cartos mantiñan a economía familiar. Axiña descubriron que o salario fixo que recibían era algo máis que uns cantos billetes: era a súa independencia, o empoderamento feminino antes mesmo que ese concepto chegase a Galicia. Duración filme: 40 minutos

19:00. “A estación violenta”. Con Anxos Fazáns, directora. Matriuska Producións. Película. Unha adaptación da novela de Manuel Jabois, na que tres personaxes atópanse de novo. O filme narra o explosivo/implosivo encontro entre tres compañeiros de facultade anos despois, cando a vida adquire outro significado, cando está máis perto a morte. Interpretada por Xiana Arias, Xosé Barato, Nerea Barros, Alberto Rolán. Duración filme: 75 minutos
Domingo 2 decembro
16:30. “Versogramas”. Un documental de videopoesía. Presentan Belén Montero, directora, e Celia Parra, produtora executiva.. O documental Versogramas ofrece un achegamento ao panorama internacionalda videopoesía, desde unha perspectiva galega, de man de videopoetas como Yolanda Castaño, Antón Reixa ou Iria Pinheiro, entre outros. Versogramas contén entrevistas a 14 videopoetas internacionais e fragmentos das súas pezas, xunto coas doutros 19 videopoetas máis de diversos recunchos do globo. Esbozos de defnicións sobre videopoesía en ton experimental completan o tecido dodocumental. A súa premiere mundial tivo lugar en NUDO Festival de Poesía Visual (Barcelona). Logo do seu paso polo Festival de Cans (O Porriño), o Festival Poemaria (Vigo) , o Festival dos Eidos (O Courel) ou Cosmopoética (Córdoba),continúa a súa andaina por festivais. Duración: 75 min

18:00. Proxecciòn de “Dhogs”. Con María Costas, actriz, e Laura Doval, produtora executiva. Se escoitaches falar moito deste thriller e aínda non o viches esta é a túa oportunidade. A película dirixida e escrita por Andrés Goteira xa pasou con éxito por festivais internacionais como o Bafici de Buenos Aires, o Frighfest de Londres, o Festival de Sitges, ou o Split Film Festival. O filme máis premiado da historia dos Mestre Mateo, concede a Academia Galega do Audiovisual. No reparto, Antonio Durán ‘Morris’, Melania Cruz, Miguel de Lira, Iván Marcos, Carlos Blanco e María Costas.Duración filme: 85 minutos

 

Culturgal 2018 é un cine

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.