Novas

Culturgal 2019: abrimos convocatorias de stands e programación

31 Xullo 2019

Arrancan os traballos da Culturgal 2019 coa apertura de reserva de stands e a convocatoria aberta para propostas de programación. “Unha feira con máis cor, máis translúcida e compartida”, así resumía o director da Feira, Xosé Aldea, os cambios no redeseño espacial desta décimo segunda edición, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para dar o punto de arranque a esta Culturgal á que “darlle unha volta”, compareceron en rolda de prensa en Pontevedra, ademais de Aldea, o presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, acompañado dos principais patrocinadores da Feira: a Xunta de Galicia e Agadic, coa participación do seu director Jacobo Sutil, o concello de Pontevedra, coa concelleira Carme Fouces, e a Deputación de Pontevedra, coa responsable de Cultura, Victoria Alonso.

Culturgal é unha asociación de asociacións, como ben reseñouVictor López, na que están integradas Escena Galega, Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e Eganet (Empresas Adicadas ás Novas Tecnoloxías). “Queremos conseguir que o público se sorprenda, con cambios espaciais, de circulación e estéticos. Tamén de contidos”, sinalou o presidente de Culturgal.

Estes cambios foron os que provocaron que a presentación estival da Feira e das súas convocatorias se retrasase este ano unhas semanas. A causa: os traballos técnicos derivados desta reestruturación. “Unha das dúas novidades grandes desta edición ten que ver coa circulación do público, con facer unha Feira máis translucida, con materiais como policarbonato, con máis cores e co obxectivo de que ir rachando os compartimentos estancos para derivar nunha feira máis compartida, con máis contacto humano e con máis contacto entre empresas e proxectos”, explicou Xosé Aldea. O prazo de contratación de stands comeza agora no remate de xullo até que se esgoten ou como máximo até o 15 de novembro

Outra novidade é o establecemento do Espazo de Cultura Interactiva, un “reto” semellante, nas verbas de Aldea, ao que acometeu a Feira hai tres anos cando impulsou o Espazo de Arte Contemporánea. “Queremos a animar as empresas con alto contido tecnolóxico: videoxogos, apps, realidade aumentada, etc, a mostrar as infinitas posibilidades de tecnoloxia nos produtos e servizos culturais. A feira ten que visibilizar este tipo de traballo que incide en aspectos lúdicos, didácticos e sobre todo participativos. Seguindo o exemplo de Arte Contemporánea, lanzamos este espazo con condicións especiais de contratación de stands”, detallou o director da Feira.

Tamén se abre agora o prazo de presentación de propostas para os outros 5 escenarios da Feira: Familiar, Libro, Foro, Carpa e Audiovisual. Até o primeiro de outubro empresas, institucións, entidades, xestores e artistas poden presentar os seus proxectos para un programa que cada ano ronda as 130 actividades propias durante os 3 días da Feira. Xosé Aldea remarcou o carácter dunha “Feira para todo o país” e anunciou que a organización volverá a poñer autobuses en 2019 desde as principais cidades galegas.

Altofalante das empresas culturais

Jacobo Sutil, director da Agadic, subliñou o “paso valente” ao poñer o foco ba cultura interactiva, “Culturgal é moi importante en termos de afluencia, pero tamén como altofalante das nosas enmpresas culturais, no seu cometido de facer coñecido para o público en xeral o que fan as empresas. E esa é unha das razóns principais de que a Xunta sexa o principal patrocinador e que Culturgal sexa un dos proxectos que máis valoramos, polo seu impacto a nivel económico e turístico, pola fórmula de colaboración público-privada, unha suma de sectores coa implicación de catro administracións: Xunta, Concello, Deputación e Goberno central.Culturgal sempre marca exemplo”, afirmou Sutil, que explicou que a Xunta de Galicia volverá ter espazo propio na Feira para difundir os seus principais programas culturais e como lugar onde programar actividades. Agadic contribúe con 65.000 euros á edición 2019 da Feira.

A responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, participaba hoxe nun dos seus primeiros actos como deputada provincial, e facíao “contenta de contribuír a un evento consolidado, á gran casa da cultura galega”. A Deputación ten unha liña de apoio directo á Feira. Engadiu o apoio da Deputación á cultura accesible para toda a veciñanza.” A cultura é riqueza, permítenos facer pais, por iso é importante que desde as administracións se coiden eventos como Culturgal”.

Tocoulle a Carme Fouces, concelleira de Pontevedra, despedir o acto de presentación. “O Culturgal fai país, constrúe relato da nosa historia cultural e só por iso é xa importante”, apuntou para remarcar a importancia de que sexa un referente non só para público senón para os profesionais. Despediuse sinalando que “toda a historia non tería sentido se non seguimos avanzando; comprometéndonos co futuro. O mellor Culturgal está por vir, como espello da cultura que vai vir”.

 

Culturgal 2019: abrimos convocatorias de stands e programación

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.