Novas

Culturgal 2019: selección de espectáculo infantil especial para domingo 1 de decembro

20 Setembro 2019

A organización da feira Culturgal abre convocatoria de recepción de propostas para ser programadas no Auditorio do Pazo da Cultura na mañá do domingo 1 dentro da programación da CULTURGAL 2019.

Esta proposta artística do domingo á maña estará dirixida ao público infantil e familiar.

Será considerada como acto especial da feira no que respecta á súa comunicación e difusión pública e será obrigatorio cobrar entrada cuxa recadación será integra para a empresa promotora en concepto de pago de caches e gastos xerados pola organización e xestión do espectáculo.

Co fin de favorecer a calendarización de xiras e proxectos, o prazo para recepción destas propostas estará aberto entre o venres 20 de setembro e o luns 7 de outubro. A organización da Culturgal comprométese a comunicar a resolución de dita selección na última semana de setembro. É facultade da xunta directiva da Asociación Culturgal ante as propostas recibidas, deixar sen programar este espectáculo. Forman parte da directiva da Asociación Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

CRITERIOS DE SELECCIÓN

A directiva da Asociación Culturgal levará a cabo a selección da proposta, co apoio e colaboración das entidades que forman parte da Asociación Culturgal, atendendo e dando prioridade na valoración e decisión aos seguintes criterios:

-Proxectos que teñan Culturgal como primeiro espazo de presentación. Proxectos que veñan de ser estreados ou que o vaian ser en pouco tempo. Será imprescindible que non foran presentados en Pontevedra anteriormente. 7 puntos.

-Adecuación aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas. 2 puntos.

-Viabilidade técnica, material e económica de acordo as premisas indicadas pola organización. Propostas economicamente sustentables co recadado na billeteira. 4 puntos.

-Experiencia das empresas candidatas en espectáculos e outros eventos similares. De 0 a 4 puntos.

-Propostas presentadas por empresas asociadas aos gremios que forman parte da Asociación Culturgal. 4 puntos

-A entidade promotora contará con stand na Feira. 4 puntos.

-Uso de formatos de presentación singulares, non estandarizados, ou diferentes dos exibidos nas edicións anteriores deste concurso. De 0 a 4 puntos.

-Valoración artística, emitida pola directiva da asociación CULTURGAL, que se sumará aos criterios expostos con anterioridade. De 0 a 4 puntos.

A organización da CULTURGAL 2019 ofrece:

  • Xestión da venta online das entradas (se for necesario) e xestión do persoal de billeteiras e entrada.
  • Espazo escénico á completa disposición o día da actuación.
  • A recadación integra de billeteira, 752 butacas (tras impostos e pago de xestión de dereitos). Se a programación pública do espectáculo require o pago de dereitos de autor, este pago correspóndelle ao particular, colectivo ou empresa que resulte gañadora deste concurso.
  • Soportes publicitarios integrados dentro da programación previa e durante a feira.
  • Excepcionalmente, equipamento e persoal técnico acorde ás necesidades do espectáculo.

A participación implica a aceptación íntegra das bases. Calquera dúbida sobre a interpretación das bases será resolta pola directiva da Asociación Cultural Culturgal a través do correo propostas@culturgal.com

Para presentar unha proposta que opte a ser programada nalgún destes apartados da Culturgal débese enviar un mail a propostas@culturgal.com, adxuntando os datos da empresa ou institución que o presenta así como un dossier do espectáculo que conteña como mínimo a seguinte información; descrición da proposta, punto do proceso de produción no que se encontra, xustificación da orixinalidade da proposta, especificacións técnicas, especificando claramente no asunto PROPOSTA DOMINGO MATINAL.

A decisión final e os criterios valorados na selección serán comunicadas ás empresas interesadas por correo electrónico.

 

Culturgal 2019: selección de espectáculo infantil especial para domingo 1 de decembro

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.