Novas

Culturgal 2020 recibe propostas para a súa programación até o 6 de novembro

20 Outubro 2020

Culturgal, como espazo de promoción e divulgación de proxectos de interese na cultura galega actual, abriu un proceso de selección para o programa de actividades 2020. A Feira desenvólvese do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.  Co lema “En caso de emerxencia, cultura” presenta importantes cambios e novidades debido á pandemia mundial provocada pola COVID-19. A Feira reduce aforo e o público accederá ao recinto con entrada adquirida con anticipación e horario establecido. Así mesmo Culturgal reformula a súa programación en relación a edicións anteriores, con menor número de actividades en 2020 e prioriza os formatos showcase dentro da súa programación para poder acoller un maior número de propostas. Até o 6 de novembro empresas, axentes culturais e creadores están convidados a participar no proceso de selección cuxa información está dispoñible en cultur.gal.


A xornada do venres 27 de novembro acollerá o acto inaugural e a actividade profesional; mentres sábado 28 e domingo 29 a Feira abre as súas portas ao público xeral. A organización da Feira  convida a  participar a empresas, persoas, asociacións e outras entidades, que poderán presentar proxectos empresariais ou creativos de calquera disciplina ou  actividade do sector cultural: libro, música, artes escénicas, arte contemporánea, tecnoloxía, espectáculos infantís, etc, sempre e cando teñan participación galega. Priorizaranse as novedades e estreas, aquelas propostas que cheguen de empresas con stand no recinto ou de entidades adscritas a algunha das cinco asociacións promotoras da Feira: Asociación Galega de Editoras, Escena Galega, Agapi, Eganet e AGEM.Unha vez deseñada a programación, as persoas participantes na programación terán que seguir as normas vixentes para a actividade cultural en relación á COVID-19. A selección de propostas a incluír no programa oficial de Culturgal é tarefa conxunta da directiva da Asociación Culturgal co asesoramento técnico do equipo de traballo da Feira. A 13ª Culturgal conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura e Deporte.

Culturgal 2020 recibe propostas para a súa programación até o 6 de novembro

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.