Novas

Culturgal 2022 presenta: “Credo” de Nova Galega de Danza + “A raíz de” con Daniel Rodríguez

23 Outubro 2022

Culturgal danza no seu décimo quinto aniversario. Faino o venres 25 de novembro ás 21h no Pazo da Cultura de Pontevedra cun espectáculo dobre que pon ao límite a linguaxe corporal. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século vinte e un, trae á Feira “Credo”, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal “A raíz de”, proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.  As entradas xa están á venda en cultur.gal a un prezo de 8 euros, que inclúe, ademais, a visita ao recinto feiral.

“Credo” de Nova Galega de Danza + “A raíz de” de Daniel Rodríguez. Unha sesión dobre de danza. Por unha banda,  "A raíz de" con Daniel Rodríguez, que traballa desde a música, a palabra e danza tradicional galega para construir un Eu contemporáneo. O porriñés acadou con esta obra o 1º premio en SóLODOS En Danza Ourense 2022 con xira en Costa Rica no 2023.

Nova Galega de Danza, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz,  trae a Culturgal “Credo”, unha peza de danza itinerante concebida como unha viaxe interior que toma a poética de Celso Emilio Ferreiro como referente artístico e conceptual, e que quere representar o camiño vital do Ser humano a través do movemento, a exploración e o cuestionamiento de sí mesmo e da realidade. O corpo de danza, constituido por seis bailaríns, desenvolve un traballo físico de alta intensidade que indaga nos límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. O cruce de camiños é o escenario simbólico que representa a toma de decisións do ser humano no seu avance permanente cara ó descoñecido. A música orixinal, a cargo de Sergio Moure e a voz de Alba Moura, recolle, a través dunha formulación sinfónica, os sons dunha Galicia intemporal. Bailaríns: Ines Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez Ricardo Fernández & Amara Pérez. 

Auditorio do Pazo da Cultura. Duración espectáculo: 45 minutos 

Culturgal 2022 presenta: “Credo” de Nova Galega de Danza + “A raíz de” con Daniel Rodríguez

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.