Novas

Culturgal inaugura en Pontevedra a súa 15 edición

25 Novembro 2022

Abriu as súas portas ao público xeral a 15ª Culturgal o venres 25 de novembro pola mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra cun acto no que participaron a directiva da Feira xunto con Román Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra. Na mañá do venres 25 os expositores abriron as súas casetas e o público protagonista foi o estudantado de  diferentes ciclos formativos vinculados á xestión cultural. Na primeira xornada, xa na tarde dirixida a todos os públicos, o espectáculo especial dobre de danza con Credo de Nova Galega de Danza e “A raíz de” de Daniel Rodríguez pecha o programa de actividades do día. Ás 19h ademais proxección de O corpo aberto, o filme dirixido por Ángeles Huerta, antes da súa chegada ás salas comerciais. Sábado 26 e domingo 27 de novembro a Feira estará aberta ao público desde as 11 da mañá.


Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, foi o encargado de dar a benvida a expositores e institucións patrocinadoras nun acto que incluiu un percorrido por todo o recinto asi como polo Espazo Arte, onde o protagonista da mañá foi o escultor Pedro Figueiredo, que está a realizar unha escultura ao vivo durantes os días da Feira no marco da Bienal de Vilanova de Cerveira (Portugal). López, no seu discurso, subliñou a incorporación neste 2022 de Eva Alonso como nova directora da Culturgal. “Unha etapa que sen descoidar unha migalla a vocación de ser escaparate para o público xeral, subliña a súa vocación de servir de punto de encontro, formación, intercambio, de acordos, de nacemento de proxectos, de vendas...para todas as empresas, entidades, axentes, profesionais, tamén artistas e creadores. Cunha programación con máis de trinta propostas para aquelas persoas que operan na cultura. Asi que aproveitémola. Temos un espazo físico este ano, aqui no recinto, para atopármonos e falar”, comentou.


Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra, reseñou a identificación da feira coa cidade nun día especial, 25 de novembro, no que non quixo deixar pasar a importancia de combatir a violencia de xénero, tamén desde a acción cultural. Precisamente a data do Día contra a Violencia de Xénero fixo imposible a intervención prevista de Carmela Silva, Presidenta da Deputación, xa que o pleno provincial do día alongouse por esta cuestión. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o compromiso da Xunta con Culturgal facendo alusión non só o apoio económico senón á participación na programación xeral da Feira e a presenza da “cúpula” da consellería no acto de apertura con Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais, Jacobo Sutil, director da Agadic, e Valentín García, responsable de Política Lingüística.


Ademais do apartado profesional, Victor López quixo desexar unha boa e inesquecible feira “para o resto do planeta Culturgal, é dicir, para todas aquelas persoas que van vir á Feira a disfrutar do cinema e da arte, de compras nos stands, da programación deseñada para as familias, de conversar os seus escritores favoritos ou para asistir a espectáculos tan singulares de danza e música na fin de semana”. 


A xornada do venres intensificou a súa actividade a partir de primeira hora da tarde co funcionamento pleno xa dos espazos Arte, Libro, Infantil e Profesional. Ademais o pase da película “O corpo aberto” antes da súa chegada aos cines comerciais coa presenza da súa directora Ángeles Huerta e do seu protagonista Tamar Novas e a xornada pechouse no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra co espectáculo dobre de danza a cargo de Daniel Rodríguez e Nova Galega de Danza.

Culturgal inaugura en Pontevedra a súa 15 edición

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.