Novas

Culturgal pecha a súa 15ª edición cun acto de agradecemento ás empresas expositoras e aos patrocinadores

27 Novembro 2022

As persoas que se achegaron á Culturgal durante a fin de semana atopaban unha exposición que percorría os quince anos da Feira a través do traballo gráficos cos carteis de todas as edicións. Pero ademais a organización do evento non quixo deixar pasar este aniversario sen facer un acto de agradecemento público a patrocinadores, equipo de traballo e, especialmente, ás empresas expositoras que confían na Feira. O domingo 27, última xornada da Culturgal, celebrouse unha acto de conmemoración do 15 aniversario no que se atoparon diferentes equipos directivos que tivo a Feira, os expositores deste ano 2022 e representación dos patrocinios institucionais: Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Deputación da Coruña. Ao redor de sete mil persoas achegáronse ao Pazo da Cultura de Pontevedra a gozar da Culturgal do venres 25 ao domingo 27.


No acto de celebración do quince aniversario da Feira foi Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal en diferentes periodos desde a súa constitución, o encargadao de facer un recorrido histórico e sentimental do evento. Lembrou Bragado o entusiasmo co que naceu unha feira cultural en 2007 da man do sector editorial, que xa reunía a milleiros de persoas en Pontevedra naquela primeira edición. “Chamouse Cultur.gal e nacía da necesidade de modernizar a mostra e venda da produción cultural; o resto dos sectores ollaron con interese a proposta que xurdía, nun primeiro momento, do mundo do libro”, recordou. En 2008 Culturgal moveuse á cidade da Coruña sumando novas entidades e axentes para un evento que atraía a atención do público e que xa situaba as súas datas de celebración nas semanas previas ao Nadal, proxectando o avance do ano seguinte e tirando proveito da campaña de agasallos de fin de ano. Sinalaba o ex presidente de Culturgal que en 2009 a Feira non se celebra e, como consecuencia, constitúese a Asociación Culturgal en 2010 para dar estabilidade a un proxecto que debía estar por riba de coxunturas económicas e políticas. “A partir dese momento a feira vaise consolidando como un proxecto imprescindible que reúne aos públicos diversos que ten a cultura e sendo un modelo de alianza entre sectores e institucións no que a corresponsabilidade é un concepto clave”, subliñou.


Última xornada con teatro e performance
Pechou Culturgal o domingo 27 cunha xornada na que na mañá foron protagonistas dúas propostas de artes escénicas ben diferentes pero co denominador común da espectacularidade da posta en escena. Por unha banda, Cubo, unha peza teatral de Elefante Elegante para público infantil e familiar e, por outra, #Multiperspectivas2 de Paula Quintas que converteu o Espazo Arte da Culturgal nunha sorte de circo funambulista moi celebrado polo público asistente. 


Ademais, na última xornada de Culturgal, obradoiro de palabras e de rap para a rapazada, o concerto da orquestra de ukeleles Ukestra do Medio e a presentación do documental Tralos pasos de María Casares de Sabela Hermida e Isabel Blanco. No Espazo Libro, recital con poetas premiados nos últimos tempos e presentacións  editoriais con autoras como Bibiana Candia, Pepe Cáccamo, Andrea Maceiras, María Meijide e María Reimóndez, entre outras. Talía Teatro con “A parábola do angazo” foi a compañía que pechou a última xornada da Feira no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.


Diferentes escenarios, públicos diversos

Para Eva Alonso, a directora da Feira, un dos elementos máis destacables desta décimo quinta edición, na que ela se estreou como responsable do evento, é constatar como os diferentes espazos da Culturgal concentran a diversidade de gustos e intereses do público redistribuíndoo por todo o Pazo da Cultura de Pontevedra Alén do libro e da programación infantil e familiar, que son xa “clásicos Culturgal” a directora da Feira subliña o interese que suscitaron as propostas do Espazo Arte, con obradoiros participativos, propostas performativas e, incluso, a posibilidade de asistir en directo á produción dunha escultura por parte do escultor portugués Pedro Figueiredo, no marco da Bienal de Arte de Vilanova de Cerveira, e o impulso da programación profesional nesta edición especial. “Iniciamos un camiño para que os profesionais e empresas vexan necesario e de interese estar aqui, atoparse, falar, emprender proxectos, sumar esforzos, contactar tamén cos públicos tan diferentes que se achegan. Facer de Culturgal un espazo no que a xente que opera na cultura veña non só a gozar das propostas xerais senón a participar nun ha programación especialmente deseñada para eles”, sinala Alonso.

Culturgal pecha a súa 15ª edición cun acto de agradecemento ás empresas expositoras e aos patrocinadores

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.