Novas

En 2020 máis festa da cultura do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra

12 Decembro 2019

Culturgal pechou a súa décimo segunda edición e despediuse anunciando as datas da edición número trece: do 27 ao 29 de novembro de 2020 en Pontevedra. Unha edición chea de nomes populares e recoñecidos da cultura feita en Galicia que participaron en diferentes actividades da programación no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alén das cifras de público, semellantes ás das últimas edicións con algo máis de catorce mil persoas, a organización da Feira recalca o valor cualitativo da Feira: a construción dun espazo colectivo e compartido no que empresas, institucións, creadores e público xúntanse anualmente para festexar o feito cultural. A organización de Culturgal agradeceu especialmente ás empresas expositoras, auténtica columna vertebral do evento, a súa confianza e a recepción dos importantes cambios que en 2019 tiveron lugar na montaxe da Feira.

“Culturgal é un evento consolidado, iso non quere dicir que se acomoda senón todo o contrario. En 2019 mudamos a estrutura dos stands, o seu material construtivo e o percorrido pola Feira. Pensamos que de maneira positiva á espera do que nos digan os expositores nas enquisas de valoración. Unha feira cultural ten que sorprender, queriamos que o cambio fose perceptible desde que entraramos pola porta da Culturgal e conseguímolo”, explica Xosé Aldea. 
O director da Feira engade que “Culturgal é a festa anual da cultura feita en Galicia e a nosa obriga é crear un espazo de normalidade para a actividade cultural e todos os seus axentes: un proxecto colectivo e compartido no que están implicadas todas as administracións, desde o concello de Pontevedra, anfitrión da Feira, até o ministerio de Cultura sen esquecer o patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Culturgal artella un espazo no que atopármonos como sector, como empresas e profesionais do mesmo. Para o público, unha oportunidade de ter contacto directo coa creación cultural e gozar dunha oferta amplísima cunha entrada a prezo popular”.

Pechou a décimo segunda edición da Culturgal con cifras de afluencia similares ás anteriores edicións con algo máis de 14.000 persoas que pasaron polo Pazo da Cultura desde o venres 29 de novembro ao domingo 1 de decembro. “A confianza do público é fundamental, máis alá dos números conseguir que a xente goce da Feira cun programa cada vez máis participativo, con obradoiros, conversas e encontros con artistas. Que un autor  de banda deseñada internacional como é Miguelanxo Prado non só veña á Feira a presentar a súa última obra, senón que pase asinando horas o seu traballo é un exemplo desa experiencia Culturgal que queremos que o público leve consigo”, engade Aldea. 

Aforos completos nos diferentes escenarios
Unha edición con nomes que funcionaron como polos de atracción para o público: Oliver Laxe, Miguel de Lira, Mabel Rivera, Miguelanxo Prado, Jorge Coira, Patricia de Lorenzo, Guadi Galego, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Tanxugueiras, Dios Ke Te Crew ou Xurxo Souto pasaron por Culturgal con gran éxito de público. Mención especial merecen os éxitos de público colleitados no espazo cinema da Feira: o salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, con 270 prazas, completou o seu aforo para gozar da preestrea o sábado 30 de Eroski Paraiso cos Chévere e Jorge Coira en conversa cos asistentes, e de “O que arde”, coa presenza do seu director Oliver Laxe, o domingo pola tarde. Na carpa, centrada na música ao vivo, tamén houbo que cortar o paso ao público por encher o aforo nos concertos de Tanxugueiras, unha banda en auxe que está a conectar co público xuvenil, e cos rapeiros de Dios Ke Te Crew, con douscentos cincuenta persoas agardando o seu showcase desde unha hora antes do inicio. 


Quizais o éxito de público con maior repercusión desta Culturgal sexa o que obtivo o retorno do grupo Marful acompañados de Sabela Ramil, que chegou á final de Operación Triunfo 2018 versioneando un tema da banda. Máis de 700 persoas fixeron posible colgar o cartel de “non hai entradas” na noite do sábado 30 de novembro no Auditorio do Pazo da Cultura. Unha actuación chea de elegancia e grandes momentos que foi transmitida en streaming pola Radio Galega, con 5.000 persoas seguindo o concerto pola rede.


Premio do Público 2019
Na xornada de peche, momento emocionante coa entrega do Premio do Público Culturgal 2019 ao Festival dos Eidos, promovido pola Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. Máis de 1.600 persoas votaron na rede durante dúas semanas para escoller o Premio do Público Culturgal  2019 entre o Festival dos Eidos, a histórica sala de concertos de Lugo Clavicémbalo “O Clavi” e Novos Cinemas, o festival de cinema emerxente que discorre nesta cidade, Pontevedra. Foron 400 votos máis que en 2018 e as tres candidaturas foron moi activas nas redes convidando ao voto. Deses 1600 votos, 819 foron para unha iniciativa que desde un territorio illado pon ao servizo da sociedade unha programación autenticamente de vangarda.


Recolleu o premio o responsable do festival Uxío Novo, fillo do poeta Uxío Novoneyra cuxa casa é o epicentro do festival, das mans de Víctor López, presidente de Culturgal, e de Xosé Aldea, director da Feira. Estivo arroupado ademais pola deputada provincial de cultura de Lugo Maite Ferreiro e polo conselleiro de Cultura Román Rodríguez. O acto de entrega serviu para reivindicar a cultura do rural e do interior “onde pasan moitas cousas aínda que non teñan tanta visibilidade como as que acontecen nas contornas urbanas”, tal como indicaban os responsables do festival. Uxío Novo, nun discurso emotivo, lembrou que o mandado do seu pai foi deixar casa e legado a disposición do pobo no territorio que el converteu en poesía: O Courel.

En 2020 máis festa da cultura do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.