Novas

“En caso de emerxencia, cultura”: do 27 ao 29 de novembro, Culturgal 2020 en Pontevedra

21 Agosto 2020

A organización da Feira, coa dirección de Xosé Aldea, subliña que Culturgal é un instrumento ao dispor de todos os axentes envoltos na actividade cultural do país: empresas, entidades, profesionais, creadoras e creadores, que en 2020 están a padecer as consecuencias da crise co cese de actividades, coa cancelación ou adiamento de programacións e, ademais, cun previsible descenso do consumo cultural por parte do público a curto e medio prazo. “Por esa razón levamos xa uns meses en conversas tanto coas empresas que participan habitualmente na Feira con stands e programación, como cos nosos patrocinadores institucionais. A clave é como podemos axudar ao sector, que podemos ofrecer nun ano tan complexo, como aliñearnos cos obxectivos de todos os colectivos da cultura e como podemos contribuír a esta reconstrución”, sinala Xosé Aldea.


Na organización da Feira, que este ano abrirá as convocatorias de stands e programación a mediados de setembro, traballase na reestruturación do evento non só desde o punto de vista socio-sanitario, senón para que a edición 2020 sexa útil. No plano físico, modificacións no acceso do público, cambios na circulación e nos escenarios da Feira e axudas económicas na reserva de stands; en canto a contidos, unha programación robusta e estruturada, que prescindirá de cantidade en favor de novidade e alcance das propostas. Así mesmo, contémplase a expansión do programa físico a través do formato online para poder chegar a máis público nun ano no que os aforos no Pazo da Cultura de Pontevedra serán máis reducidos.


“A actividade cultural no só se manifestou como unha fonte fundamental de recursos para toda a sociedade durante o tempo de confinamento, senón que artella espazos de encontro e experimentación na consecución dunha sociedade máis sostible, xusta e crítica. En Culturgal témolo claro, de aí o noso lema 2020 “En caso de emerxencia, cultura”, recalca o director da Feira. A imaxe gráfica deste ano é da autoría do estudio de deseño compostelán Ekinocio, composto por dúas socias de DAG (Asociación Galega de Deseño).


Patrocinios e proxecto conxunto

A implicación xenerosa e cómplice das asociacións gremiais que forman parte da Asociación Culturgal, presidida por Victor López, refórzase máis se cabe en 2020: a Feira está organizada por AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas á Internet), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e Escena Galega. A conversa continuada nos últimos meses coas institucións patrocinadoras da Feira é fundamental nesta edición marcada pola COVID19. A Xunta de Galicia, a través de Agadic, é un ano máis o patrocinador principal da Feira; ademais, o apoio do concello de Pontevedra e das deputacións provinciais de Pontevedra e da Coruña, cos que a organización está traballando desde hai meses, será un importante piar para esta cita prevista do 27 ao 29 de novembro.


Culturgal é “insignia cultural” de Galicia, de acordo ao ranking 2019 da Fundación Contemporánea. A Feira sitúase como o proxecto máis destacado no sector cultural galego no informe do Observatorio da Cultura de España. 

“En caso de emerxencia, cultura”: do 27 ao 29 de novembro, Culturgal 2020 en Pontevedra

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.