Novas

Vémonos na Culturgal 2019: do 29 de novembro ao 1 de decembro

7 Decembro 2018

Culturgal entrou nunha nova década na súa idade, 11 anos, e fíxoo cunha excelente resposta do público de toda Galicia. O domingo 2 ás oito da tarde pechaba as súas portas a Feira das Industrias Culturais no Pazo da Cultura de Pontevedra cun balance moi positivo dos tres días tanto na cantidade de visitas como na calidade da programación proposta. Ao redor de catorce mil cincocentas persoas entraron no Pazo da Cultura de Pontevedra a gozas dunha programación que, entre actividades da Feira e actividades dos stands sumou case duascentas propostas. En 2019, máis Culturgal do 29 de novembro ao 1 de decembro.

Con novedades, si, en 2018. Unha delas foi a proposta de vir en autobús a Pontevedra desde Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela. “Se este ano, a recepción foi tímida e non se encheron os autobuses, desde a organización da Feira está claro que a proposta chegou para ficar. Unha Feira para todo o país require iniciativas que redunden na idea e que faciliten a visita de todas as persoas que non residen en Pontevedra e contorna. De feito, a maior parte dos usuarios dos autobuses este ano non coñecían a Feira, nunca estiveran nela”, sinala Xosé Aldea, director da Feira. Se esta foi unha iniciativa con resposta aínda tímida, o espazo gastro instalado en 2018 con 4 restaurantes diferentes abertos no mesmo horario da Feira e cun cartón prepago para abonar o gasto, foi un grande éxito tanto no número de usuarios como na valoración da oferta de comida e bebida.

Éxito de público tamén no retorno de Carlos Núñez a Pontevedra co concerto especial do sábado 1, co Auditorio do Pazo da Cultura cheo para presenciar a xira “A irmandade dos celtas”. A xornada inaugural da Feira, o venres 30, volveu a converterse nun punto de referencia para os profesionais do sector en Galicia con protagonismo das xornadas de Escena Galega que reunen a profesionais das artes escénicas de toda a península. Esta tamén é un dos obxectivos de Culturgal, como recalca o seu director.

En relación ao público, a xornada con máis visitas foi a do sábado 1 con sete mil entradas. Culturgal é unha cita referencial para coñecer novidades, atoparse con artistas e creadores e adiantar os presentes do Nadal. Público moi diverso, grande protagonismo dos grupos familiares nunha décimo primeira edición que na última xornada entregou o Premio do Público Culturgal 2018 á Casa de Rosalía de Padrón e acolleu unha homenaxe no cabodano do pintor pontevedrés Manuel Moldes.

 

 

Vémonos na Culturgal 2019: do 29 de novembro ao 1 de decembro

A cita con culturgal 2023

Culturgal, un evento único que se celebra anualmente reunindo ao sector cultural e aos seus públicos en Pontevedra. Este ano a Feira das Culturas Galegas terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura, onde os públicos poderán achegarse ás as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. Unha oferta de programación contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, asi como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Culturgal quere favorecer tamén o seu carácter como escenario de encontros entre profesionais e sectores, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos. A Feira das Culturas Galegas busca reforzar os vínculos coas diferentes asociacións gremiais e promover a comunicación entre todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.